O concello de Tordoia é un dos máis extensos da comarca de Ordes cos seus 125,8 Km2 e cunha poboación de 5.350 habitantes segundo o Censo de 1991, que se converten en 4.617 na revisión de 2005.
O concello instálase sobre unhas terras suavemente onduladas, que descenden en altitude gradualmente cara ó leste e cara ó sur, dentro do marco da penechaira coruñesa. Está constituído por 10 parroquias que son San Mamede de Andoio, Santa Mariña de Anxeriz, Santa María de Bardaos, San Xulián de Cabaleiros - onde se sitúa a capital, Pontepedra -, Santa María de Castenda, Santalla de Gorgullos, San Cristovo de Leobalde, Santiago de Numide, San Xoán de Tordoia e San Cibrao de Vila de Abade, que non sufriu cambios apreciables ó longo da última centuria, como tampouco os límites municipais.
Sobre un substrato de rochas antigas (gabros, granitos e xistos, dispostos de oeste a leste), domina unha topografía amesetada, cunha altitude entre os 400 e os 500 metros sobre o nivel do mar a maior parte do espacio inda que basculando cara ó leste de forma suave, de modo que nas parroquias orientais se descende dos 300 metros cara ó curso do Lengüelle. As escasas culminacións que se elevan neste conxunto uniforme están representadas polo Monte Castelo (569 m) na parte máis occidental -que serve de divisoria de augas coa conca do Xallas- e por unha franxa de elevación s que máis ou menos de NW a SE e na parte máis meridional son o Pelados (497 m), o Forca (530 m), o Cián (471 m), o Areosa (462 m) e o Medorra (425 m).
A zona norte é moito máis suave pero conservando unha elevada altitude media. As augas superficiais constitúen unha rede fluvial densa pero pouco importante, de regatos orientados en xeral de oeste a leste, e son cursos subsidiarios do Lengüelle, que serve de fronteira oriental con Ordes, inda que na parte máis occidental unha pequena superficie oriente as augas para forma-lo Dubra. En calquera caso, todo o espacio municipal é tributario da conca do Tambre. A evolución poboacional de Tordoia ó longo do noso século ofrécenos un panorama de incremento dos efectivos ata mediados da centuria, en que no censo de 1950 se alcanza o máximo secular con 6.220 habitantes (nivel 167,8 respecto ó 100 de 1900), para a partir de aí coñecer un descenso bastante acusado ata 1981, cunha lixeira recuperación en 1991 e descender de novo en 1998 en que se rexistra o nivel 140,4, e o comportamento é moi similar en tódalas parroquias.
A emigración tivo moito que ver tanto na atenuación do ritmo de crecemento secular como tamén na lixeira recuperación no período 19811991 (retorno de emigrantes), inda que non se poden ocultalos efectos dun crecemento vexetativo negativo desde hai anos (hoxe é do -0,35%), froito dun descenso continuo da natalidade (de un 10,8 por mil a finais da década dos setenta pasou ó 5,6 por mil actual), cun repunte da mortalidade polo acusado avellentamento da poboación no mesmo período: un 20,1 % dos efectivos teñen hoxe máis de 65 anos e tan só un 12,4% menos de 15.
As actividades económicas seguen tendo no sector primario ó principal motor, acollendo a un 42,9% dos efectivos, inda que en 1981 esa porcentaxe era do 52,6%, sector que coñeceu unha notable modernización. Aínda domina claramente sobre o secundario (pasou do 21,5% ó 28,7%, e ne1 alcanza a maior importancia a construcción, xunto ós postos de traballo industriais desempeñados fóra do concello) e sobre o terciario, que hoxe acolle ó 28,4% e que hai que ligalo á reorganización poboacional que fai da capital municipal un pequeno núcleo de servicios a escala local. Non obstante, a importancia agropecuaria é evidente, cunha sensible especialización gandeira que significou unha verdadeira transformación fisionómica da paisaxe rural nas últimas décadas polo crecemento en extensión dos prados e praderías artificiais.
|